Comunidade Salesiana

A comunidade salesiana de Santiago de Compostela empeza a súa andaina formal en 1980, aínda que anos antes xa había un grupo de tres salesianos residindo na casa sacerdotal, mentres realizaban os seus estudos universitarios.

As comunidades que se foron sucedendo tiveron sempre entre os seus cometidos unha función formadora de salesianos novos á vez que atendían as múltiples actividades xeradas polo Centro Don Bosco. Durante algúns anos, formaron parte desta comunidade os salesianos novos estudantes de Teoloxía no Instituto Teolóxico Compostelano.

Na actualidade, a Comunidade Salesiana segue centrada na atención e animación do Centro Don Bosco, dos grupos de Familia Salesiana presentes en Santiago, e da Parroquia de San Pedro, que tras moitos anos ostentando a vicaría, foi confiada aos salesianos no ano 2016.

Situada no final do Camiño de Santiago, a casa salesiana de Santiago é un punto de acollida e atención para moitos grupos de mozos e mozas ao final da súa peregrinación. É tamén lugar de reunión habitual para salesianos e colaboradores de Galicia.